Xa era algo tarde, pero el seguía co teléfono a voltas, mirando a pantalla coma se eso axudase a ver quen estaba ao outro lado, aquela tarde de verán era máis típica dun inverno algo quente, tristeira e sen nada que facer salvo mirar fixamente un aparello electrónico.
O tempo pasa e foxe e non quere que o vexas escapar, porque sabe que é de mala educación, pero no fondo el sabe que non é culpa súa, do tempo digo.
Cando un está só é o momento ideal para que as pantasmas saian de entre as letras ou as fotografías que mandaran, el sabíao ben, pero tentaba a sorte cando lía aquelas mensaxes e lembraba, logo caía na autocompasión e na melancolía, todo puro teatro, claro.
Se cadra as veces o teatro marchaba e sí estaba tristeiro, diante dunhas lembranzas moi amigables e a carón dun día de verán gris, se cadra non todo era como debía ser. Ou sí.
O peor chegaba cando atopaba as mensaxes daquelas persoas polas que suspirara, entón si que realmente caía nun alcoholismo psicolóxico non perxudicial e vivía unha película en branco e negro cunha copa e mais un puro. Facíase el só unha pura película.
Naquel filme falaba cun pianista que tamén era él e dicíalle o mal que lle fora outra vez e o pianista respondíalle ¨Por eso somos artistas meu amigo¨, dicíalle que nunca saía nada ben e non tiña nin idea de por qué, e respondíalle ¨Pero só nestas cousas¨, e dáballe a razón.
Desta volta o tempo voltara e trouxera un caixón cheo de detalles que el esquecera, pero eran deses que pesaban tanto e non lle deu tempo a mandarllos de volta.
A cinta daquela película rematara e volvera a realidade en escala de grises, pero trouxera da viaxe as sensacións que supoñíase debían quedar alí. Outra vez diante dun movil coa vista cravada nel, pero esta vez buscándoa ao outro lado, sen éxito.
Agora atopábase noutra historia, pero feita en papel, que el ben coñecía, e ríase coa amargura do café porque sabía que fora ninguén o vía chorar, e non podía, pero dentro sempre doía, coma se fose a primeira vez, e sí choraba, pero choraba o azul dos bolígrafos.